A subida salarial aos funcionarios, un parche nos raquíticos soldos dos profesores, denuncia STEG
Rodrigo Brión Insua
Apertóns de mans e palmadas nas costas de felicitación tras o acordo alcanzado polo Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública cos sindicatos UXT e CSIF para pactar unha subida salarial do 11% aos funcionarios nun acordo plurianual que elevará os salarios dos máis de tres millóns de traballadores públicos un 11% no período 2025-2028. O acordo, que se ratificará esta tarde -coa incógnita de si contará ou non coa adhesión de CC.OO.-, terá unha repartición dun subida do 2,5% para este ano, do 1,5% para 2026, incluíndo aquí un variable adicional do 0,5% vinculado á evolución do IPC, do 4,5% para 2027 e do 2% para 2028, segundo detallaron fontes sindicais, que celebraron o entendemento tras varias semanas de negociación.
Neste contexto, e ás portas doutras dúas xornadas históricas de folga no ensino público galega os días 16 e 17 de decembro, é o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG), un dos promotores dos paros xunto á CIG, o que leva a pelota de novo ao Ministerio que encabeza Óscar López, salientando que se trata dunha subida moi concisa, tendo en conta que, nos últimos 15 anos, o persoal público sufriu unha caída do 24% no seu poder adquisitivo, sendo insuficiente o acordo que establece no 11% o incremento salarial até 2028.
"Á COLA DAS SUBIDAS SALARIAIS"
Desde STEG insisten en que non se trata dunha percepción do persoal, senón que está apoiado por "cifras verificables". Por iso, pon o foco sobre a caída salarial experimentada polo persoal funcionario, laboral e estatutario ao longo de tres lustros, "unha situación que non se resolve cunha proposta de incremento do 11% en catro anos".
Así as cousas, desde STEG cren que o acordo resulta "completamente insuficiente e afastado da realidade económica actual", considerando que o IPC rexistrou unha subida do 38,5% por un paupérrimo aumento do 14,5% no salario dos funcionarios, tras anos de recortes tras a crise económica que afectaron, mesmo, ás pagas extraordinarias.
Segundo as súas contas, sería necesario aplicar unha subidal do 16,1%, como mínimo, só para estar cera da realidade económica actual. Unha brecha salarial que afecta a miles de traballadores e sobre a que "o Goberno non pode seguir ignorando unha situación que golpea a quen sosteñen os servizos públicos".
A continuación, critican que os funcionarios se atopan "á cola das subidas salariais", comparando o seu raquítico salario actual co doutros sectores que viron crecer a súa remuneración un 30,6%, un 32,3% en convenios colectivos ou comparando o seu incremento coa escalada do Salario Mínimo Interprofesional, que creceu un 86,9% nos últimos anos. "O persoal público quedou atrás sen que ningún Goberno afrontase esta desigualdade", censuran desde STEG, que pide un novo acordo salarial que permita a recuperación inmediata da perda de poder adquisitvo dos últimos anos e garantías para que, cun mecanismo ligado ao IPC, non volva repetirse o ocorrido.
DOUS DÍAS DE FOLGA
Esta é só unha das moitas demandas que levarán a mediados de decembro ás rúas os docentes galegos nas 48 horas de paro convocadas por STEG e CIG-Ensino, que só no que vai de curso secundaron tres xornadas de folga na educación pública. Ao Goberno de España reclámanlle neste capítulo "unha resposta clara e compromisos reais", mentres alertan que o descontento do colectivo é alto e, sen avances substanciais, "continuará en aumento".
"O tempo dos parches acabouse, agora tócalle ao Goberno, español e galego, actua. O ánimo á mobilización crece e pódese intensificar si non hai avances reais", prognostican, con outros asuntos, como a rebaixa dos cocientes, a redución da burocracia ou máis recursos para unha mellor atención aos alumnos con necesidades especiais entre as moitas reivindicacións que empuxan ao profesorado á folga.